O ESTIGMA DA PROSTITUCIÓN
O estigma das prostitutas
En Hetaira ao longo destes anos fomos dándonos conta de que un dos elementos máis discriminatorios da situación das prostitutas é a estigmatización que sofren. De feito, así o recoñecen a maioría de traballadoras do sexo e as teóricas do movemento internacional de prostitutas. Por exemplo, Gail Pheterson considera que esta estigmatización é o que constitúe o eixe central da definición mesma do traballo sexual.
No imaxinario colectivo ás prostitutas se lles atribúen fundamentalmente tres identidades que se superpoñen moitas veces:
— Por un lado, o estado coas súas leis atribúelles a identidade de delincuentes, intentando criminalizar a prostitución de rúa como está facendo o Concello de Madrid estes últimos meses ou como fixeron en Francia o pasado ano. O interese fundamental das políticas estatais é controlar a prostitución, establecendo as condicións nas que o exercicio é legal e considerando delito a actividade que se exerza fóra dos límites e controis establecidos polo estado.
— Para o pensamento de dereitas, para os defensores da moral e os bos costumes, a prostituta é basicamente unha viciosa ou unha enferma, unha muller que exerce esta actividade porque lle gusta e disfruta con ela. É a tentación dos homes, a que os incita a seren infieis e a que os provoca para realizar actos sexuais prohibidos.
Para este sector o fundamental é que a actividade non se vexa, xa que o que funciona é o código da dobre moral, por un lado utilízase e acéptase a prostitución como un privilexio masculino, mais sempre que se manteña oculta, por outro degrádanse e castíganse as mulleres que a exercen. Este dobre código funciona tanto entre o que se fai (ir de putas) e o que se di (condenar a prostitución) como na diferente valoración que lles merecen os clientes (uns machotes) ou as putas (unhas porcas).
— Para o pensamento de esquerdas tradicional, influenciado por unha determinada corrente feminista, a prostituta é basicamente unha vítima, ben das circunstancias (mulleres pobres, con traumas infantís ou vítimas de violencia sexual nunha etapa temperá da vida), ben da maldade dalgúns homes (que as enganan e coaccionan para que exerzan).
O fundamental desde este pensamento é salvalas, queiran ou non, desta actividade aldraxante que acaba denigrándoas e obnuvilándolles a consciencia de xeito que non son quen de pensar qué é o que máis lles convén. En definitiva, en ningún dos tres casos as prostitutas aparecen como suxeitos de dereitos.
A puta é unha categoría particular de muller, que queda diferenciada e apartada do resto de mulleres. É vítima por excelencia. Obxecto de desexo, suxeito de baixas paixóns, transgresora dos límites que rexen para o resto de mulleres, concita de feito, desexos, envexa e desprezo.
A figura da prostituta é unha das figuras máis estigmatizadas do imaxinario sexual, sento este estigma un dos piares da ideoloxía patriarcal. O estigma de puta divídenos ás mulleres en boas e malas mulleres. Unha idea que aínda con todos os cambios que se produciron nos últimos tempos no terreo da sexualidade nos segue a clasificar e catalogar en función desta.
Un dos obxectivos principais do noso traballo en Hetaira é loitar contra a estigmatización das prostitutas xa que nos parece fundamental cuestionar a etiqueta de «malas mulleres» ligada ao comportamento sexual. Entre outros elementos porque este estigma non afecta só ás putas, senón que recae tamén sobre todas aquelas que ousan desafiar os mandatos sexuais que aínda hoxe seguen rexendo para as mulleres.
O estigma de puta é así un instrumento de control para que as mulleres nos ateñamos aos estreitos límites que aínda hoxe, encorsetan a sexualidade feminina. As putas representan todo aquilo que unha muller «decente» non debe facer e a súa criminalización serve para escarmentar en cabeza allea. Desde o punto de vista da construcción dos xéneros se a masculinidade se constrúe baixo a ameaza da homosexualidade (homofobia), a feminidade e particularmente o prototipo de sexualidade feminina constrúese baixo a ameaza de ser considerada unha puta. No imaxinario das mulleres a figura da puta simboliza o límite que non podemos traspasar a risco de que nos consideren e, o que é peor aínda, nos autoconsideremos indignas. A ideoloxía dominate opón o pracer ao perigo. Hai que ser «boas» mulleres para sentirnos protexidas. Se es «mala» é lóxico que te agredan, que te pase calquera cousa. As boas mulleres son suxeito de dereito e protección pero as malas, especialmente se se empeñan en seguilo sendo, quedan desprotexidas e perden todo tipo de dereitos.
Desde o aspecto social séguese esperando que as mulleres teñamos unha sexualidade moito menos explícita que a dos homes. Se cumprimos con isto considérasenos «boas». Se, pola contra, o saltamos e esiximos o dereito a autodeterminarnos sexualmente, a facer coa nosa sexualidade o que nos praza, sen someternos ao que se espera de nosoutras, somos «malas». No modelo sexual que se nos propón socialmente, as prostitutas aparecen e representan ás «outras», ás «malas mulleres» por excelencia, as que condensan en si todo o prohibido, todo o que non poden facer as mulleres «boas».
O proceso de estigmatización que sofren as traballadoras sexuais fai que se consideren mulleres especialmente viciosas, perversas, trastornadas ou enfermas. O estigma de puta leva a que toda a súa vida sexa valorada baixo este prisma: son consideradas «malas nais» (xa que no imaxinario colectivo nai e puta autoexclúesen), non se respecta a súa vida amorosa (os seus compañeiros sentimentais son vistos como os «chulos»), considérase que sempre están manipuladas por outros (crendo que todas están controladas polas mafias) e négaselles o dereito a saír dos seus países e emigrar a outros que se supón lles poden ofrecer mellorar as súas condicións de existencia (todas as estranxeiras son vistas como vítimas das redes de tráfico). En definitiva négaselles os máis elementais dereitos humanos.
Ademais a maioría de estudios que se realizan sobre prostitución tamén están imbuídos por estas ideas e reforzan o imaxinario colectivo intentando demostrar, desde unha suposta cientificidade, que todas as prostitutas foron vítimas de abusos sexuais na infancia, de malos tratos, ou que teñen unha vivencia patolóxica da sexualidade. Estudios, todos eles, que aínda que poidan reflectir unha parte da realidade destas mulleres, están feitos con mostras non significativas de traballadoras sexuais e non soen ter como grupo control co que contrastar os datos, á poboación feminina xeral.
Por que este estigma?
Desde o meu punto de vista ten que ver co feito de que estas mulleres, contrariamente á norma patriarcal, móstranse «sexuais» e manifestan a sexualidade abertamente, incitando os homes de maneira explícita, sen dobreces nin recato, a comprar actos sexuais. Ademais, no caso das traballadoras que captan a súa clientela na rúa, o seu traballo é visíbel, son transparentes. Violan dúas regras sagradas: tomar o espazo público para os seus negocios e visibilizar o seu carácter sexual, sacando a sexualidade do terreo do privado. O castigo por semellante atrevemento é sufrir o maior desprezo e os ataques máis feroces da poboación benpensante.
Pero diríase que o castigado nas prostitutas non é tanto que manteñan relacións sexuais senón que cobren por iso. Suponse que as mulleres están sempre dispostas e «encantadas» cando un home as reclama sexualmente, co que, no disfrute está a recompensa. Non se tolera que a recompensa sexa abertamente económica, e máis, cando esta reconpensa económica non é como favor por parte dos homes (a diferencia do que ocorre coas amantes) senón algo fixado de antemán pola prostituta: «Se queres unha relación sexual, paga» (co que significa de poder para elas ao seren elas mesmas as que deciden o prezo).
Por exemplo, Gail Pheterson no seu libro O prisma da prostitución formula que o sexo con homes como traballo implica un recorte á entrega ilimitada que se presupón que as mulleres deben ter cara aos seus maridos. Os actos sexuais que se venden teñen unha duración limitada e un prezo, o que, segundo Pheterson «fai que haxa máis reciprocidade nesta relación comercial que no matrimonio aínda que existe asimetría porque elas necesitan cartos e eles necesitan sexo». Coincido con ela en que non se tolera a relación comercial da prostitución e a independencia económica que dela se deriva para as traballadoras sexuais. Quizais por iso, o imaxinario popular tende a velas sempre explotadas por chulos ou proxenetas, imaxe bastante alonxada da situación real da maioría de prostitutas aínda que haxa algunhas que poidan estalo. A ideoloxía patriarcal non tolera nin a transgresión das normas sexuais para as mulleres nin a súa independencia económica.
Os lugares que a puta ocupa no imaxinario colectivo así como o estigma que recae sobre todas as traballadoras sexuais é interiorizado tamén por estas. Esta interiorización é á vez un dos elementos que máis dificultan que as traballadoras poidan erixirse en suxeitos sociais e dotarse de autoridade para representar os seus propios intereses.
O estigma por comerciar coa sexualidade mistúrase na práctica con outros elementos de discriminación. O xénero é un elemento central: non se pode comparar o estigma que sofren as mulleres traballadoras sexuais co que sofren os homes que tamén se adican ao mesmo. Pero non é o único, a clase social, a etnia, a orixe nacional ou os lugares de exercicio, introducen un elemento importante na consideración social e en como afecta o estigma na práctica.
Por exemplo, antes dicía que na actualidade as traballadoras que captan a súa clientela na rúa son as máis estigmatizadas. A través da vitimización, que presupón que todas elas son escravas sexuais, négaselles o seu poder de decisión e de autonomía. Pero ademais, as leis contra a prostitución na rúa refórzanse no noso estado de forma racista e xenófoba co control de inmigrantes. O estigma de puta utilízase así para xustificar tamén a represión, a exclusión, o maltrato e a marxinación das inmigrantes.
Nos últimos anos o imaxinario da vida pública e privada está aterrado ante a posibilidade de contraer unha enfermidade sexual, en concreto a SIDA. Neste contexto ao estigma de ser puta úneselle o estigma de ser un grupo de risco na transmisión do VIH. As traballadoras do sexo convertéronse no «chibo expiatorio» das inquedanzas e temores que se dan nunha época na que a sexualidade se está redefinindo e as fronteiras tradicionais que separan uns grupos doutros (homes / mulleres; mulleres boas / mulleres malas; heterosexual / homosexual...) empezan a mostrarse porosas e corren o risco de esvaírse. As políticas institucionais e as esixencias da patroal dos locais de alterne, Anela, de establecer controis sanitarios obrigatorios para as prostitutas co fin de garantir a saúde dos clientes, reforzan o estigma e a fronteira que as separa do resto da poboación supostamente sa.
Así mesmo, as discusións dentro do feminismo entre as posicións abolicionistas e as de defensa dos dereitos como traballadoras sexuais parecen ser eco das discusións de finais do século XIX, sobre a pureza moral e a prostitución. As propostas abolicionistas reforzan tamén o estigma ao presentaren as prostitutas como mulleres sen vontade para poder enfrontarse aos problemas e necesitadas dunha protección estatal especial. Pero ademais, hoxe serven de cobertura ideolóxicas ás políticas institucionais de criminalizar a todas aquelas traballadoras sexuais que non queren pasar polas condicións que as institucións propoñen sen contar con elas.
As polémicas feministas
A fisolofía abolicionista, que hoxe apoia iniciativas represivas como as que está levando a cabo o Concello de Madrid, analiza a prostitución dunha forma excesivamente abstracta, desconsiderando os elementos concretos e subxectivos que moven as mulleres que realizan este traballo. Así considera que a «prostitución reduce as mulleres á categoría de corpos, meros obxectos animados para o uso e disfrute dos homes». Esta forma de achegarse á realidade das prostitutas impide ver as estratexias que estas utilizan para sobrevivir nun mundo cheo de desigualdades. Un mundo dunha dureza excesiva para determinados sectores da poboación, especialmente se se trata de mulleres. O abolicionismo mantén que «o estatus de prostituta desprovee ás mulleres prostituídas das súas características especificamente humanas» e diríase que elas, aínda que pretenden combater isto, non conseguen romper con esta visión. Por que non cabe cuestionarse se afirmar que sempre e todas as mulleres son prostituídas por terceiros, non é negar o libre albedrío? Non é negar unha das características humanas por excelencia? A libre elección.
Que a prostitución sexa, entre outras cousas, unha institución patriarcal cunha función simbólica de control da sexualidade feminina, non quere dicir que as prostitutas sexan por iso as colaboradoras ou as vítimas por excelencia do patriarcado. Os seres humanos non nos colocamos pasivamente ante as institucións e os símbolos, pola contra, a libertade e a nosa capacidade de decisión permítenos xogar con estes, utilizalos, rebelarnos... así anque simbolicamente a prostitución sexa un instrumento de control social (como o matrimonio, a escola e moitas outras institucións na nosa sociedade), na práctica tamén é un medio de vida, que ofrece maiores niveis de ingresos que outras actividades laborais, e que serve polo tanto para acadar, en moitos casos, unha maior independencia económica e unha libertade persoal da que non gozarían con outros traballos.
O abolicionismo impide ver as estratexias que utilizan as mulleres para vivir o mellor posíbel en sociedades que as discrimina. Ao deshumanizar as prostitutas, analizando a categoría muller en abstracto, e desconsiderando os factores subxectivos que moven a estas mulleres, fanse eco da ideoloxía patriarcal que concibe as mulleres como apéndices dos desexos masculinos. Négaselles así ás prostitutas a súa condición de suxeitos activos, que toman iniciativas e teñen poder de decisión aínda nas situacións máis terríbeis e condicionadas. Anque é evidente que este poder non é igual para todas.
O feminismo é unha forza social que actúa para que todas as mulleres teñan máis poder de decisión e autonomía. Para iso é importante partir de cales son os condicionamentos concretos que recortan as posibilidades de actuación dos diferentes sectores de mulleres. No caso das prostitutas, as condicións de alegalidade nas que se desenvolve o seu traballo e a consideración social estigmatizada que recae sobre elas son elementos fundamentais que limitan a súa capacidade de decisión e actuación. Por iso é fundamental apostar por ampliar estes límites que condicionan as súas decisións recoñecendo os seus dereitos en tanto que traballadoras do sexo e desacralizando a sexualidade como forma de loitar contra o estigma. Cómpre que as prostitutas se constrúan como suxeitos sociais con capacidade para facer oír a súa voz e negociar os seus intereses particulares. E para iso é fundamental que desde o feminismo non lles neguemos a súa posición de suxeitos senón que, pola contra, apostemos por reforzar esta posición partindo da súa capacidade para decidir e remitíndonos a ela para espertar a súa rebeldía.
Parece evidente que os cambios que se poden producir na consideración social das traballadoras do sexo pasan en primeiro lugar por reivindicar que a prostitución é un traballo que non pode definir a quen o exerce. Nomear ás prostitutas, traballadoras do sexo, é un elemento importante neste cambio. Agora ben, tamén creo que iso non pode excluír o nome «prostituta». Primeiro porque elas moitas veces se senten identificadas con esta palabra, pero sobre todo porque creo que é un elemento de subversión apropiarse das categorías abxectas, elaboradas con ánimo de degradar e redefinilas, dándolles outro significado, en positivo como forma de neutralizar os seus efectos. O xerme deste significado está no propio imaxinario anque ocupe unha posición subalterna e limítrofe.
Neste sentido reivindiquémonos PUTAS se con iso expresamos que somos transgresoras dos límites patriarcais á sexualidade feminina e malvadas porque temos en conta os nosos intereses e os nosos desexos sexuais.
Cristina Garaizábal
Xornadas de Hetaira, Madrid, maio, 2004
http://www.andainamulleres.org/index.htm